Estándares contábeis - repsol.com

Repsol YPF

Logo Repsol
Todo sobre Repsol YPF Información para accionistas e investidores

Ruta

Estándares contábeis

De acordo co Regulamento (CE) n.º 1606/2002 do Parlamento Europeo e do Consello do 19 de xullo de 2002, todas as sociedades que se rexan polo Dereito dun estado membro da Unión Europea, e cuxos títulos valores coticen nun mercado regulado dalgún dos Estados que a conforman, deberán presentar as súas contas consolidadas dos exercicios que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2005 de acordo coas Normas Internacionais de Información Financeira (NIIF) que foran validadas pola Unión Europea. Conforme á aplicación deste Regulamento, o Grupo Repsol YPF está obrigado a presentar as súas contas consolidadas do exercicio 2005 de acordo coas NIIF validadas pola Unión Europea. En España, a obriga de presentar contas anuais consolidadas baixo NIIF aprobadas en Europa, foi así mesmo regulada na disposición final undécima da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social (BOE do 31 de decembro).

A aplicación desta normativa supón, con respecto á que se atopaba en vigor no momento de formularse as Contas anuais do Grupo correspondentes ao exercicio 2004:

  • Cambios nas políticas contábeis, nos criterios de valoración e na forma de presentación dos estados financeiros que forman parte das Contas anuais
  • A incorporación ás Contas anuais consolidadas de dous novos estados financeiros: o estado de cambios no patrimonio neto e o estado de fluxos de efectivo.
  • Un incremento significativo da información facilitada na memoria das Contas anuais.          

Conforme á NIIF 1, Adopción por Primeira Vez das Normas Internacionais de Información Financeira, aprobada por Regulamento (CE) 707/2004 da Comisión do 6 de abril (DOUE 17 de abril), aínda que as primeiras Contas anuais elaboradas conforme ás NIIF son, no caso do Grupo, as correspondentes ao exercicio pechado o 31 de decembro de 2005, incorporáronse con fins comparativos as cifras correspondentes ao exercicio 2004, preparadas conforme ás mesmas bases utilizadas na determinación das cifras do exercicio 2005. Iso requiriu a elaboración dun Balance de situación inicial ou de apertura á data de transición, 1 de xaneiro de 2004, preparado conforme ás normas NIIF en vigor a 31 de decembro de 2005.

Os criterios adoptados polo Grupo na transición a NIIF en relación coas alternativas permitidas son os seguintes:

  • Os elementos de propiedades, planta e equipo, os activos intanxíbeis e os investimentos inmobiliarios valoráronse á data de transición polo seu valor en libros (que incluía tanto o custo amortizado dos activos como, se é o caso, as revalorizacións netas efectuadas no pasado e que se aceptaran de acordo cos principios contábeis xeralmente aceptados en España) e, dende entón, a valor de custo
  • Adoptouse a exención concedida pola NIIF 1 para a aplicación da NIIF 3 Combinacións de negocio de forma prospectiva dende a data de transición a NIIF e desta forma non reformular as combinacións de negocio anteriores ao 1 de xaneiro de 2004.
  • As NIC 32 e 39 aplicáronse dende a data de transición.
  • Para compañías de control conxunto e joint-ventures utilízase o método de consolidación de integración proporcional.
  • Reclasificáronse a reservas as diferenzas de conversión íntegras na data de transición, deixando esta partida, polo tanto, a cero nese momento.

Reconciliación de patrimonio a 1 de xaneiro e 31 de decembro de 2004 entre PCGA en España e NIIF

A continuación recóllese a reconciliación esixida pola NIIF 1 entre os saldos de inicio e peche do patrimonio do exercicio rematado o 31 de decembro de 2004 que figuran nas Contas anuais consolidadas do Grupo á devandita data, e os correlativos saldos de apertura do exercicio 2004 e 2005 determinados conforme ás NIIF.

Estandares contables

Estandares contables

A continuación detállanse os principais conceptos que supuxeron axustes no patrimonio ao converter a NIIF:

a. Recoñecemento de impostos diferidos
O tratamento contábel para os impostos sobre beneficios baixo normativa contábel española está enfocado ao cálculo do imposto baseado no método da Conta de resultados, que se basea no cálculo das diferenzas temporais entre o beneficio fiscal e o beneficio contábel. As NIIF requiren o recoñecemento de impostos diferidos usando o método do balance que está orientado ao cálculo das diferenzas temporarias entre a base fiscal dun activo ou un pasivo e o seu valor contábel no balance.

Estes cambios reduciron o patrimonio neto do Grupo en 2.577 e 2.203 millóns de euros a 1 de xaneiro e 31 de decembro de 2004, respectivamente. Tal redución foi debida principalmente a: (i) as diferenzas temporarias entre a base fiscal dos activos e pasivos de YPF, S.A. e o valor contábel de tales activos e pasivos e (ii) o recoñecemento de impostos diferidos relativos á parte de plusvalía pagada en combinacións de negocios asignada ao valor dos activos (principalmente de YPF, S.A. e de BP Trinidad e Tobago).

b. Efecto das variacións de tipo de cambio

Recolle, fundamentalmente, os seguintes efectos:

  • Baixo normativa contábel española non existe unha regulación específica sobre moeda funcional para o rexistro das transaccións. Neste sentido, o Grupo Repsol YPF ata decembro de 2002 considerou para algúns negocios de YPF, S.A. o peso arxentino como moeda funcional (mercadotecnia, etc.) e para outros, o dólar estadounidense (exploración e produción, refino, etc.). Para os efectos de NIIF, o Grupo Repsol YPF considerou que a moeda funcional de YPF, para todos os seus negocios, é o dólar estadounidense. Este axuste incrementou o patrimonio neto atribuído á sociedade dominante en 456 e 405 millóns de euros a 1 de xaneiro e 31 de decembro de 2004, respectivamente.
  • Tamén inclúe a diferenza no rexistro das diferenzas de cambio baixo principios contábeis españois respecto a NIIF. Baixo principios contábeis españois as diferenzas de cambio negativas impútanse a resultados, mentres que as positivas se recollen no pasivo do balance, salvo que, pola mesma partida, se imputasen a resultados en exercicios anteriores diferenzas negativas de cambio, en cuxo caso se aboan a resultados do exercicio as diferenzas positivas ata o límite das negativas netas cargadas a resultados en exercicios anteriores. Baixo NIIF tanto as diferenzas negativas como as positiva impútanse na Conta de resultados canto se producen. Este axuste supuxo un incremento do patrimonio neto atribuído á sociedade dominante de 65 e 60 millóns de euros a 1 de xaneiro e 31 de decembro de 2004, respectivamente.          

c. Deterioración no valor dos activos
Baixo criterios contábeis xeralmente aceptados en España non existe unha normativa específica sobre a metodoloxía que se debe aplicar para calcular o test de deterioración no valor dos activos, polo que o Grupo viña aplicando para isto un criterio similar ao que existe na normativa contábel estadounidense. Este test realízase en dúas etapas: primeiro compáranse os fluxos de caixa futuros esperados sen descontar dun activo, fronte ao valor neto contábel deste; en caso de que tal comparación resultase nun importe negativo (é dicir, o valor neto contábel en libros é superior á suma dos fluxos de caixa futuros esperados sen descontar), sería rexistrada unha perda por deterioración no valor dos activos por un importe igual á diferenza entre o valor estimado dos fluxos de caixa futuros descontados do activo e o valor neto contábel en libros de tal activo.

Baixo NIIF, o cálculo faise nunha única etapa: compáranse os fluxos de caixa descontados do activo e o valor neto contábel en libros deste, e no caso de que este último sexa superior procédese a rexistrar un gasto por deterioración no valor dos activos polo importe da diferenza.

Estes cambios reduciron o patrimonio neto atribuído aos accionistas da sociedade dominante en 59 e 80 millóns de euros a 1 de xaneiro e 31 de decembro de 2004, respectivamente. Tal redución foi debida principalmente ao recoñecemento de perdas no valor de certos activos de Exploración e produción por un importe de 6 e 40 millóns de euros a 1 de xaneiro e 31 de decembro de 2004, respectivamente e a activos de Refino e mercadotecnia por un importe de 53 e 40 millóns de euros, a 1 de xaneiro e 31 de decembro de 2004, respectivamente.

d. Valoración de instrumentos financeiros
A normativa contábel española require que os activos financeiros, sexan medidos ao menor entre o valor de custo ou o valor de mercado, mentres que os pasivos financeiros son medidos ao seu valor de reembolso. No caso dos instrumentos financeiros derivados, que sexan de carácter especulativo, valóranse polo seu valor de mercado na medida en que a devandita valoración supoña unha perda. Aqueles cuxo obxectivo sexa a cobertura, rexístranse co mesmo criterio que o elemento cuberto. Os activos financeiros son dados de baixa cando vencen, se transfiren ou se venden.

Baixo NIIF, os activos e pasivos financeiros son clasificados en categorías que determinan se a súa valoración se realiza a valor razoábel ou a custo amortizado. Certos resultados derivados de instrumentos financeiros son recoñecidos directamente en patrimonio neto ata a súa baixa, ou en caso de perda por deterioración no seu valor

Adicionalmente, as NIIF requiren o cumprimento duns criterios moi específicos para aplicar a contabilidade de coberturas. Como consecuencia diso, certas relacións de cobertura que poden cualificarse como coberturas baixo normativa contábel española, non cualificarían como tales se aplicásemos a contabilidade de coberturas das NIIF.

O efecto destes cambios supuxo unha redución do patrimonio neto atribuído aos accionistas da sociedade dominante de 199 e 99 millóns de euros a 1 de xaneiro e 31 de decembro de 2004, respectivamente, debido principalmente á diferente cualificación como coberturas ou non dalgúns derivados comerciais relativos ás nosas operacións e á súa valoración a mercado.

e. Clasificación accións preferentes
Baixo NIIF, as accións preferentes emitidas pola filial de Repsol YPF, Repsol International Capital Limited, foron reclasificadas da liña de accionistas minoritarios, a pasivos financeiros, dada a obriga de pagamento de dividendos se existise beneficio distribuíbel por parte do emisor.

Reconciliación do resultado correspondente ao exercicio 2004 entre PCGA en España e NIIF

A continuación móstrase a conciliación esixida por NIIF 1 entre a Conta de resultados do exercicio 2004 que figura nas Contas anuais consolidadas do Grupo á devandita data e a que resultaría de aplicar NIIF nas transaccións realizadas no citado período.

Cuadro3_Estandares_contables__172177.JPG

O resultado atribuído aos accionistas da sociedade dominante baixo criterios contábeis españois foi de 1.950 millóns de euros no exercicio 2004, fronte a 2.414 millóns de euros con criterios NIIF. Este incremento debeuse principalmente a:

a. Non amortización do fondo de comercio
Baixo NIIF non se amortiza nin o fondo de comercio, nin os activos intanxíbeis con vidas útiles indefinidas aínda que ambos os dous están suxeitos a unha proba de perda de valor polo menos unha vez ao ano. Este cambio supuxo un incremento do resultado neto para o exercicio finalizado o 31 de decembro de 2004 de 200 millóns de euros.

b. Recoñecemento de impostos diferidos
A Conta de resultados do exercicio 2004 elaborada con criterios NIIF recolle un efecto positivo na liña de Imposto sobre beneficios de 219 millóns de euros, derivada principalmente da aplicación neta de impostos diferidos rexistrados á data de transición.

c. Amortizacións e provisións por distinto cálculo na deterioración de valor dos activos
A Conta de resultados do exercicio 2004 elaborada con criterios NIIF recolle, por un lado, un menor gasto por amortizacións despois de impostos de 4 millóns de euros debido ao menor valor dos activos derivado da dotación adicional de provisións por deterioración do valor en NIIF respecto á provisión existente con norma española á data de transición. Por outro lado recolle un importe negativo de 27 millóns de euros despois de impostos pola diferenza entre a aplicación do test de deterioración de valor dos activos segundo NIIF, respecto ao calculado con normativa española, a 31 de decembro de 2004.

d. Valoración de instrumentos financeiros
Este efecto corresponde fundamentalmente á valoración a mercado de certos derivados relativos a operacións comerciais do Grupo, non designados como cobertura para os efectos de NIIF.

Para máis información consultar o Annual Report on Form 20-F 2007 (Nota 42. F-116 a F-142).

Para maior información sobre os Estándares IFRS, acceder a IASB

 

Última actualización: 19 xull 2007


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.