Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > ... > Inf. xeral acerca da sociedade > Factores de risco > Sistemas de control
Sistemas de control para avaliar, mitigar ou reducir os principais riscos

Repsol YPF desenvolve actividades en numerosos países, baixo múltiples marcos reguladores e en todos os ámbitos do negocio do petróleo e do gas. Como consecuencia, Repsol YPF incorre en:

- Riscos de mercado, derivados da volatilidade dos prezos do petróleo, gas natural e os seus produtos derivados, tipos de cambio e tipos de xuro,
- Riscos de contraparte, derivados dos contratos financeiros, e dos compromisos comerciais con provedores ou clientes,
- Risco de liquidez e de solvencia,
- Riscos legais e reguladores (incluídos os riscos de cambios nos réximes fiscais, regulacións sectoriais e ambientais, réximes cambiarios, limitacións á produción, ás exportacións, etc.),
- Riscos operativos (incluídos os riscos de accidentes e de catástrofes naturais, incertezas relacionadas coas características físicas dos campos de cru e gas, de seguridade e ambiente e riscos de reputación, como os relacionados coa ética e co impacto social dos negocios),
- Riscos de ámbito económico (derivados do ciclo económico mundial e dos países nos que está presente, innovación tecnolóxica nos sectores nos que opera, etc.).

A empresa considera como riscos máis relevantes aqueles que puideran comprometer a consecución dos obxectivos do seu Plan Estratéxico e, en especial, o de mantemento da súa flexibilidade financeira e solvencia a longo prazo. Repsol YPF leva a cabo unha xestión prudente dos seus activos e negocios. Así e todo, moitos dos riscos mencionados son connaturais ao desenvolvemento das actividades, quedan fóra do control da compañía, e non é posíbel eliminalos completamente.

Repsol YPF dispón dunha organización, duns procedementos e duns sistemas que lle permiten identificar, medir, avaliar, priorizar e controlar os riscos aos que está exposto o Grupo, e decidir en que medida tales riscos son asumidos, xestionados, mitigados ou evitados. A análise dos riscos é un elemento integral dos procesos de toma de decisión do Grupo, tanto no eido dos órganos de goberno centralizados como na xestión dos negocios, prestando en calquera caso especial atención á concomitancia entre diversos riscos ou aos efectos de diversificación que puideran producirse a nivel agregado.

Existen as seguintes unidades de análise, supervisión e control independente especializadas en diversos eidos da xestión de riscos:

* Unidade de Auditoría Interna, enfocada á permanente avaliación e mellora dos controis existentes co fin de garantir que os riscos potenciais de todo tipo (control, negocio, imaxe, etc...) que puideran afectar á consecución dos obxectivos estratéxicos do Grupo Repsol YPF, se atopen en todo momento identificados, medidos e controlados.

* Unidade de Xestión Corporativa de Riscos , encargada de:

- O desenvolvemento da política corporativa de riscos, entendida como regras e actuacións de carácter estrutural, ligadas á estratexia financeira e de negocio do Grupo,
- A coordinación de desenvolvementos normativos relativos a riscos de mercado e de crédito, das distintas unidades de negocio e áreas corporativas do Grupo, e o estabelecemento de metodoloxías de medición e valoración destes riscos de acordo coas mellores prácticas,
- O seguimento e control do risco de mercado do Grupo,
- A análise e o control do risco de crédito xerado polas actividades do Grupo, incluíndo o estabelecemento de límites de risco de crédito individuais por contraparte
- A definición dos criterios sobre dotacións, aplicacións de provisión para insolvencias, refinanciamentos e reclamacións xudiciais de débedas.

* Unidade de Seguros, encargada de:

- A análise e a avaliación dos riscos accidentais que poden afectar aos activos e actividades do Grupo,
- A definición da política de financiamento destes riscos máis eficiente, mediante a combinación óptima de medidas de autoseguro e de transferencia de risco,
- A contratación das coberturas de seguro que, en cada caso, se considere conveniente,
- A negociación das indemnizacións derivadas dos accidentes asegurados.

* Unidade de Seguridade e Ambiente, encargada de:

- Definir os obxectivos e as liñas estratéxicas de seguridade e ambiente de compañía e realizar o seu seguimento.
- Estabelecer a normativa corporativa (política, normas, procedementos, manuais e guías) de seguridade e ambiente de ámbito mundial xeral da compañía e os mecanismos necesarios para a súa difusión.
- Identificar e liderar proxectos corporativos de seguridade e ambiente e asesorar as Unidades na súa implantación e realizar o seu seguimento.
- Estabelecer os indicadores clave de desempeño, realizar o seguimento do desempeño da compañía en materia de seguridade e ambiente e propoñer accións de mellora.
- Promover a creación de grupos de traballo e o intercambio das mellores prácticas en seguridade e ambiente
- Coordinar as auditorías de seguridade e ambiente e realizar o seu seguimento.

* Unidade de Reputación Corporativa, encargada de dirixir e coordinar coas unidades organizativas implicadas as actividades de xestión e avaliación dos valores e riscos de reputación corporativa, conforme ás directrices e políticas do Comité de Reputación Corporativa e da Dirección Xeral de Comunicación e do Gabinete de Presidencia para garantir a aplicación do modelo e da estratexia de reputación corporativa de Repsol YPF.

* Unidade de Control Interno de Reporte Financeiro, encargada do seguimento e da xestión do sistema de control interno de reporte económico-financeiro, co obxecto de dar cumprimento aos requirimentos da sección 404 da Lei Sarbanes-Oxley.O sistema aplicado por Repsol YPF baséase no marco conceptual definido no modelo COSO.

*Unidade de Control de Reservas cuxo obxectivo é asegurar que as estimacións de reservas probadas de Repsol YPF se axustan á normativa emitida polos diversos mercados de valores onde cotiza a compañía. Tamén realiza as auditorías internas de reservas, coordina as certificacións dos auditores externos de reservas e avalía os controis de calidade relativos á información de reservas, realizando as oportunas suxestións dentro dun proceso de mellora continua e aplicación das mellores prácticas.

Existen ademais diversos comités funcionais e de negocio que teñen encomendadas as funcións de supervisión das actividades de xestión de riscos realizadas dentro do seu eido de responsabilidade.

Última actualización: 9 xuñ 2008


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.