A forma máis directa para comprar accións de Repsol YPF no mercado continuo, é acceder á Bolsa a través dos chamados membros do mercado, Sociedades de Valores e Bolsa, Axencias de Valores e Bolsa ou entidades de crédito. Estes intermediarios, especializados no investimento bolsista, son os únicos que poden comprar e vender directamente en Bolsa.
Outras entidades financeiras teñen capacidade para administrar valores, xestionar carteiras ou tramitar ordes cara aos membros do mercado, pero non para intermediar directamente no mercado. Os Bancos e Caixas de Aforro son as entidades que, dada a súa ampla rede de oficinas, están en contacto directo cun maior número de investidores. Tamén outros intermediarios como as Sociedades Xestoras de Carteiras e os Corredores de Comercio, poden recibir ordes de clientes e transmitilas aos membros de mercado para a súa execución.
O primeiro paso que debe dar un investidor é entrar en contacto con algún destes intermediarios e abrir unha conta de valores. A través desta conta administrarase a carteira de valores do investidor (compravendas, subscricións, dividendos, asistencia a Xuntas, etc.). Asociados a esta conta produciranse os necesarios movementos de efectivos que acompañan as operacións de mercado.
Unha vez aberta a conta de valores e provisionado o efectivo suficiente, o cliente poderá emitir as ordes de compra e venda pertinentes.
É posíbel cursar ordes de valores de forma presencial ou in situ, telefonicamente, por fax ou internet. Aínda que existen certas especificidades segundo o medio empregado, as normas de conduta que deben ser aplicadas polas entidades son as mesmas en todos os casos, especialmente con relación aos contidos mínimos, información previa, tramitación ou execución da orde, etc.
Estas ordes poden canalizarse a partir da sinatura do contrato entre o cliente e a súa entidade financeira podendo ter lugar das seguintes maneiras:
Unha vez formalizada a orde desencadéase un rápido proceso de execución e confirmación. Os sistemas de encamiñamento de ordes instaladas polas Sociedades e Axencias de Valores e a maioría dos intermediarios financeiros restantes farán chegar os datos da orde ao operador do mercado continuo en cuestión de segundos. Á súa vez, este validará os datos e introducirá a orde no SIBE, onde se cruzará con outra orde de signo contrario en décimas de segundo desencadeando o fluxo investidor de información a través do cal o investidor verá confirmada a súa operación.
Inmediatamente despois da execución das operacións, o intermediario preparará os datos necesarios para a liquidación da operación, o proceso de intercambio de valores e efectivo que segue a toda operación de mercado.
Todos os datos de contratación, xunto coas instrucións de liquidación oportunas son trasladados dende a Bolsa a IBERCLEAR, entidade que se ocupa do rexistro de valores e liquidación operacións bolsistas. Esta entidade encargarase de comprobar con todos os participantes no sistema de liquidación (Sociedades e Axencias de Valores, Bancos e Caixas de Aforro) a conformidade dos datos de liquidación. A continuación asentará os valores na entidade designada polo cliente e emitirá as instrucións para que se carguen ou aboen os efectivos correspondentes nas contas que as entidades teñen abertas para tal efecto no Banco de España.
Última actualización: 14 maio 2008
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.