Para promover de forma activa a identificación e consecución de oportunidades de redución de emisións dentro da compañía, Repsol YPF dispón dun Catálogo de Oportunidades de Redución de Emisións (CORE), actualizado anualmente, que lle permite tomar decisións de investimento tendo en conta a curva de custos marxinais de redución. Ademais serve como portafolio de posíbeis proxectos de Mecanismo de Desenvolvemento Limpo (MDL) a desenvolver pola compañía.
Repsol YPF apostou de forma decidida polo uso do Mecanismo de Desenvolvemento Limpo (MDL) como unha vía efectiva de transferencia tecnolóxica e como ferramenta para a consecución dos obxectivos de redución fixados.
Os proxectos a desenvolver na industria do petróleo e o gas son dunha grande complexidade técnica e de elevados volumes de investimento pero susceptíbeis de reducir grandes cantidades de emisións. Os devanditos proxectos teñen características distintas dependendo do segmento da cadea da produción de hidrocarburos onde se desenvolvan. No segmento da produción de cru e gas o gas protagonista é o metano (CH4) e existen proxectos de redución como por exemplo a instalación de sistemas de bombeo pneumático en pozos de gas natural, a substitución de equipos pneumáticos accionados por gas natural por equipos accionados electricamente ou por aire comprimido, etc.
Pola contra, na etapa do transporte, refino e distribución, as oportunidades de redución concéntranse no CO2 e falaríase de proxectos como a recuperación de gases de facho, cambio de combustíbeis ou a instalación de prequentadores de aire en fornos, entre outros.
Adicionalmente a estas oportunidades de redución Repsol YPF aposta por desenvolvemento de novas tecnoloxías, para conseguir a súa implantación a escala industrial tanto dende o punto de vista técnico como económico, na loita pola mitigación da emisión de gases de efecto invernadoiro. E neste sentido cobra especial importancia a liña de investigación e desenvolvemento en captura e secuestro de carbono que a compañía está a impulsar de forma activa e que se reflicte na participación en dous dos consorcios tecnolóxicos máis importantes do mundo para o desenvolvemento destas tecnoloxías como son o Intenational Energy Association (IEA)-GHG e o Carbon Capture Project (CCP).
Seguindo con esta idea Repsol YPF considera que o MDL é unha vía eficaz para a redución de emisións. A minimización do esforzo para cumprir con Quioto mediante unha xestión integrada do carbono na compañía e un aumento na eficiencia enerxética, son os principais impulsos que se formula Repsol YPF co fin de reducir as súas emisións para 2012 en 1.000.000 de toneladas de CO2 eq.
Última actualización: 20 xuñ 2006
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.