Versión en PDF (199 Kb) 9 de abril de 2008, 16:06 CET
Entregoulle o galardón o Ministro de Economía, Manuel Pinho
• O Presidente de Repsol reúnese co Presidente da República, Aníbal Cavaco Silva, e co Primeiro Ministro, José Sócrates.
• O galardón recoñece a importante traxectoria empresarial desenvolvida por Repsol en Portugal
• Repsol é a maior empresa química de Portugal, a segunda por número de estacións de servizo e a terceira en cota de mercado en GLP (butano e propano)
O Presidente de Repsol, Antonio Brufau, recibiu hoxe en Lisboa o recoñecemento como o mellor xestor de 2007, nun premio outorgado pola Cámara de Comercio e Industria luso-española, en atención ao importante labor investidor e de xestión desenvolvida por Repsol durante os últimos anos en Portugal.
Previamente ao citado acto, Antonio Brufau entrevistouse co Presidente da República, Aníbal Cavaco Silva e, posteriormente, co Primeiro Ministro, José Sócrates, aos que presentou o Plan Estratéxico de Repsol e particularmente o investimento, de 850 millóns, previsto para a planta petroquímica de Sines, a maior do país luso.
Durante o acto de entrega do premio ao mellor xestor de 2007, presidido polo Ministro de Economía portugués, Manuel Pinho, Brufau destacou que este recoñecemento "reflicte a importante aposta empresarial realizada por Repsol en Portugal e o compromiso dos seus profesionais na busca de creación de valor para a nosa empresa e para o país".
Pola súa parte a Cámara de Comercio e Industria luso-española destacou o desempeño profesional de Antonio Brufau como "presidente dunha das maiores petroleiras mundiais e un dos maiores investidores estranxeiros en Portugal".
Repsol en Portugal
A compañía está presente en Portugal dende 1978, cando comezou a comercialización de produtos químicos. Nestas tres décadas, Repsol multiplicou a súa presenza no país cuns investimentos próximos aos mil millóns de euros. En 1990, Repsol comezou a comercialización de combustíbeis.
Actualmente Repsol conta cunha ampla presenza nos negocios de comercialización de produtos petrolíferos, cunha moderna rede de 440 estacións de servizo nas principais cidades do país (o 20% da cota de mercado). Ademais, ofrece unha ampla gama de produtos e servizos entre os que se inclúen a venda de GLP (butano e propano) a través dunha extensa rede de máis de 10.000 puntos de venda presente en todo o país, que sitúa á compañía no terceiro lugar por cota de mercado.
A planta petroquímica de Repsol en Sines, convértea na maior empresa química de Portugal. O novo Plan Estratéxico 2008-2012 da compañía prevé un investimento de 850 millóns de euros en Sines, que se destinarán, principalmente, á ampliación do cracker de etileno en 160.000 toneladas anuais, co que a produción aumentará un 40%. Tamén está prevista a construción de novas unidades de polietileno e polipropileno, que triplicarán a capacidade actual e unha planta de coxeración de 40 MW. A posta en marcha destas unidades realizarase durante o último trimestre de 2010.


Última actualización: 9 abr 2008
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.