Versión en PDF (66 Kb) 29 de abril de 2008, 13:58 CET
É a primeira guía de referencia turística e gastronómica que ofrece este servizo
· Todos os servizos da Guía Campsa (mapas, guías de rúas, restaurantes, hoteis e estacións de servizo) accesíbeis dende o móbil a través de e-moción de Movistar.
·Grazas ao servizo "favoritos" pódese enviar a información consultada en guiacampsa.com ao móbil e viceversa.
·O usuario tamén pode realizar consultas e reservas a través do número 11822.
A Guía Campsa no móbil é a gran novidade para este ano da Guía Campsa, grazas ao acordo asinado con Telefónica, que permite aos usuarios dispoñer de todos os contidos e servizos da Guía no seu teléfono móbil a través da canle e-moción de Movistar e do servizo de información de Telefónica 11822.
Con este novo servizo, ofrecido en exclusiva, o usuario pode consultar e recibir de forma inmediata no seu móbil a información das guías de rúas de máis de 75.000 municipios europeos, calcular rutas de porta a porta, ou ver outros datos de interese da Guía Campsa como hoteis, restaurantes e estacións de servizo. Ademais dispón de información turística en ruta: restaurantes, hoteis, o estado das estradas, a previsión do tempo ao longo do traxecto, etc.
O usuario tamén pode gardar os seus restaurantes, os seus hoteis e as súas estacións de servizo favoritos e ter sempre visíbel a listaxe daqueles puntos de interese que seleccionara, tanto na guiacampsa.com coma na Guía Campsa no móbil.
Este novo servizo representa un esforzo máis da Guía Campsa para dar resposta ás necesidades do usuario á hora de planificar as súas viaxes en calquera situación e ámbito; e súmase á presenza da Guía en toda a gama de navegadores TomTom Go.
A Guía Campsa é unha das publicacións máis prestixiosas do sector turístico e gastronómico que innova cada ano os seus contidos e as súas prestacións co fin de ofrecer aos seus usuarios a información máis actualizada.
Guía Campsa 2008
A nova edición da Guía Campsa 2008 inclúe unha base cartográfica totalmente actualizada, con máis de 46.000 localidades de España, Andorra, Sur de Francia e Portugal e 56 guías de rúas. Ademais, proporciona información turística de 1.109 municipios, 2.080 restaurantes, 2.163 hoteis e Paradores de Turismo e a situación concreta de máis de 3.500 estacións de servizo de Repsol, Campsa e Petronor.
A Guía Campsa é tamén accesíbel a través da súa versión en liña a través de www.repsolypf.com e www.guiacampsa.com, na que ademais dos contidos da súa homónima en papel o usuario pode atopar todos os servizos dun completo portal de ocio e turismo. Así mesmo, a edición dixital contén reportaxes e propostas de rutas turísticas concretas xunto con reportaxes de actualidade e noticias relacionadas co turismo gastronómico e enolóxico.
A Guía Campsa incorpora tamén un código a través do cal o usuario pode identificarse na versión en liña para obter vantaxes exclusivas como descontos directos en Paradores, navegadores TomTom ou participacións en varios sorteos de premios.

Última actualización: 29 abr 2008
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.