Versión en PDF (104 Kb) 8 de novembro de 2007, 08:41 CET
Afectado pola debilidade do dólar
Repsol YPF obtivo nos nove primeiros meses de 2007 un beneficio neto de 2.448 millóns de euros, un 7,7% inferior ao rexistrado no mesmo período do ano anterior. Esta redución debeuse, fundamentalmente, á depreciación do 8% do dólar fronte ao euro, que pasou de 1,24 dólares/euro nos nove primeiros meses de 2006 a 1,34 dólares /euro no mesmo período de 2007.
O resultado das operacións da compañía, que rexistra maioritariamente os seus ingresos en dólares e reporta os seus beneficios en euros, tamén se viu afectado polo efecto do tipo de cambio euro/dólar en 276 millóns de euros, e situouse en 4.267 millóns de euros, fronte aos 5.066 millóns de euros dos nove primeiros meses do pasado ano. En canto ao EBITDA, este ascendeu 6.381 millóns de euros.
Por áreas de actividade, hai que destacar o crecemento do 3,6% dos resultados da área de refino e mercadotecnia, que se situaron en 1.669 millóns de euros. Así mesmo, destacan os crecementos rexistrados na área química e de gas e electricidade, que aumentaron un 2,9% e un 8,3%, respectivamente. En canto á área de exploración e produción, cuxo resultado operativo se reduciu un 28,3% viuse especialmente afectada polo xa mencionado efecto euro/dólar, polo incremento xeneralizado dos custos da industria e por unha menor produción.
Significativa redución da débeda. As cargas financeiras caen un 70%
A débeda financeira neta de Repsol YPF en setembro de 2007 situouse en 3.936 millóns de euros, fronte aos 5.870 millóns de euros rexistrada en setembro de 2006, o que representa un descenso do 32,9%.
Ademais deste descenso da débeda, a política de prudencia financeira desenvolvida pola compañía reflectiuse nunha significativa caída das cargas financeiras, que no período xaneiro-setembro alcanzaron os 117 millóns de euros fronte aos 387 millóns de euros do mesmo período do ano anterior. Esta redución do 69,8% obedece, entre outros factores, ao menor gasto financeiro por xuros, consecuencia do menor endebedamento neto medio da compañía, ao aumento da rendibilidade dos investimentos financeiros e ao efecto positivo nas diferenzas de cambio.
Os investimentos realizados nos nove primeiros meses de 2007 ascenderon a 3.646 millóns de euros, e destináronse, fundamentalmente, ás áreas de exploración e produción (2.184 millóns de euros) e de refino e mercadotecnia (588 millóns de euros).
ÁREAS DE NEGOCIO
Exploración e produción: investimentos de 2.184 millóns de euros
O resultado das operacións da área de exploración e produción no período xaneiro-setembro de 2007 foi de 2.073 millóns de euros fronte aos 2.890 millóns de euros obtidos no mesmo período de 2006. Este descenso debeuse, entre outros factores, ao efecto da depreciación do dólar fronte a o euro, que tivo un impacto negativo de 167 millóns de euros, á menor produción de cru e gas e ás variacións contractuais que supuxeron un menor resultado de 239 millóns de euros, ao cesamento da actividade en Dubai (123 millóns de euros), ao incremento xeneralizado dos custos da industria (189 millóns de euros), así como ás amortizacións técnicas (85 millóns de euros) e á maior actividade exploratoria, que supuxo uns maiores gastos de exploración, e que minora o resultado en 109 millóns de euros.
A produción total de hidrocarburos nos nove primeiros meses de 2007 ascendeu a 1.058.300 barrís equivalentes ao día, un 7% menos que o ano anterior. Este descenso debeuse, principalmente, á menor produción en Venezuela como consecuencia da migración dos convenios operativos a empresas mixtas; en Bolivia pola entrada en vigor dos novos contratos; en Dubai pola finalización das actividades e en Arxentina pola rotura do poliduto Magallanes e a declinación de determinados campos.
Deducidas as variacións contractuais de Dubai, Venezuela e Bolivia, os niveis de produción dos nove primeiros meses de 2007 mantivéronse similares aos do mesmo período de 2006, cun lixeiro descenso do 0,5%. Os efectos mencionados compensáronse parcialmente coa maior produción no resto das áreas, especialmente Brasil, Trinidad e Tobago e Libia.
Os investimentos realizados ata setembro de 2007 na área de exploración e produción alcanzaron os 2.184 millóns de euros, que se destinaron fundamentalmente, á adquisición do 28% do campo Genghis Khan no Golfo de México, aos investimentos nas plantas de regasificación dos proxectos de Canaport, en Canadá, e de Perú LNG, así como a investimentos en desenvolvemento.
Refino e mercadotecnia: as vendas medran un 5,3%
O resultado das operacións de refino e mercadotecnia ata setembro de 2007 ascendeu a 1.669 millóns de euros, fronte aos 1.611 millóns de euros do mesmo período do ano anterior, o que supón un crecemento do 3,6%.
Este aumento dos resultados produciuse pola mellora da marxe de refino en 0,94 $/barril e un maior nivel de destilación. O indicador de marxe de refino no período xaneiro- setembro foi de 7,52 $/barril fronte aos 6,58 $/barril do mesmo período de 2006. En mercadotecnia, as marxes de comercialización tiveron un bo comportamento tanto en España coma en Arxentina.
As vendas totais de produtos petrolíferos alcanzaron os 46,1 millóns de toneladas, cun incremento do 5,3%. En ABB (Arxentina, Bolivia, Brasil), as vendas aumentaron un 11,7% mentres que en España foron superiores nun 0,2%. No resto do mundo as vendas medraron un 14,4%, superando os 7 millóns de toneladas. Por outra banda, as vendas á mercadotecnia propia aumentaron en ABB (12,3%), no resto do mundo (24%) e en España (0,3%).
As vendas totais de GLP a nivel mundial aumentaron lixeiramente, un 0,8%, con descensos do 2,3% en España e do 5,2% en ABB, pero con fortes incrementos no resto de Latinoamérica (11,1%) e no resto do mundo (11,1%).
Os investimentos realizados na área de refino e mercadotecnia nos nove primeiros meses de 2007 ascenderon a 588 millóns de euros, un 19,5% superiores aos do exercicio anterior, e destináronse principalmente aos proxectos de refino en curso, a melloras operativas e das instalacións, seguridade e ambiente, calidade de carburantes e conversión.
Química: un 2,9% máis de resultado operativo
O resultado das operacións da área química no período xaneiro-setembro de 2007 alcanzou os 214 millóns de euros fronte aos 208 millóns de euros do mesmo período de 2006, o que representa un incremento do 2,9%. Este incremento foi consecuencia das mellores marxes internacionais dos negocios en Europa, e a pesar da menor produción en Arxentina pola restrición na subministración de gas natural.
As vendas totais de produtos petroquímicos alcanzaron os 3.486 miles de toneladas, un 4% inferiores ás do mesmo período do ano anterior.
Os investimentos na área química ata setembro de 2007 ascenderon a 121 millóns de euros, un 5,5% inferiores aos do mesmo período de 2006. Os principais investimentos en curso son a construción dunha planta de benceno e a ampliación de capacidade da planta de óxido de propileno/estireno monómero, ambas as dúas en Tarragona.
Gas e electricidade: o resultado medra un 8,3%
O resultado das operacións da área de gas e electricidade no período xaneiro-setembro de 2007 ascendeu a 391 millóns de euros, fronte aos 361 millóns de euros do mesmo período do ano anterior, o que supón un incremento do 8,3%. Estes resultados reflicten a favorábel evolución dos resultados de Gas Natural SDG, destacan os crecementos da actividade de distribución en España e Latinoamérica e, especialmente, os de comercialización de gas natural en España.
Os investimentos en gas e electricidade foron de 221 millóns de euros, inferiores nun 6,4% aos nove primeiros meses do ano anterior e dedicáronse, fundamentalmente, á actividade de distribución en España e aos proxectos de xeración de electricidade.
FEITOS DESTACADOS TERCEIRO TRIMESTRE
Descubrimento de petróleo en Brasil
O pasado mes de setembro Repsol YPF anunciou o descubrimento dun novo campo de petróleo en augas profundas da Conca de Santos en Brasil, a 273 km da costa de São Paulo. O novo depósito, denominado Carioca, está situado no Bloque BM-S-9, operado por Petrobras cun 45% e no que Repsol YPF Brasil conta cunha participación do 25% e British Gas do 30%. O pozo descubridor rexistrou un test de produción de 2.900 barrís de cru e 57.000 metros cúbicos de gas por día. Na Conca de Santos Repsol YPF lidera xunto con Petrobras a actividade exploratoria participando en 19 bloques, 9 destes como compañía operadora.
Contrato de subministración de gas en México
Repsol YPF resultou gañador o pasado 19 de setembro na licitación pública internacional promovida pola Comisión Federal de Electricidade mexicana (CFE) para a subministración de gas natural licuado (GNL) ao terminal de gas natural no porto de Manzanillo, nas costas mexicanas do Pacífico. O contrato, cuxo valor estimado alcanza os 15.000 millóns de dólares, considera o abastecemento de GNL á planta mexicana durante un período de 15 anos. O volume total de gas subministrado nese período suporá máis de 67 bcm, cantidade equivalente a máis do dobre do consumo anual en España. O abastecemento realizarase con gas procedente da planta de licuación de Camisea, ao sur de Perú, do que Repsol YPF é comercializador en exclusiva.
Acordo para a venda das estacións de servizo en Chile
Xa no mes de novembro, Repsol YPF e a compañía colombiana Organización Terpel asinaron un acordo para a compravenda das actividades de comercialización de combustíbeis líquidos en Chile por un valor de 210 millóns de dólares, incluída a débeda. A data estimada para o peche da operación sería o 31 de decembro de 2007, momento no que a compañía colombiana asumiría a xestión do negocio.
O acordo inclúe a rede de 206 Estacións de Servizo de Repsol YPF distribuídas por Chile (tanto estacións propias como concesionadas e os negocios complementarios de tendas de conveniencia) así como o negocio de Vendas Industriais, incluíndo a infraestrutura comercial e loxística.
Tras a operación, Repsol YPF manterá os seus negocios de aviación, lubricantes e especialidades e GLP (gas licuado) no país, será líder en GLP a través da súa participación (45%) en Lipigas. Esta venda forma parte da estratexia de racionalización de activos de downstream non integrados desenvolvida por Repsol YPF na rexión, e de enfoque da súa actividade noutras áreas e noutros negocios estratéxicos.
815 millóns de euros pola venda da Torre Foster a Caja Madrid
Repsol YPF e Caja Madrid asinaron o pasado 30 de xullo un acordo polo que a entidade financeira madrileña adquiriu a torre situada no Paseo de la Castellana de Madrid. O importe da venda ascende a un total de 815 millóns de euros, dos que o 70% se pagaron no momento da sinatura do acordo e o 30% restante farase efectivo no momento da entrega do edificio. En xaneiro de 2007, Repsol YPF decidiu iniciar un proceso de venda coa asesoría de Goldmand Sachs, Aguirre Newman e Uría Menéndez para a identificación de potenciais compradores. Tras analizar 36 ofertas non vinculantes, o proceso concluíu con este acordo de venda.
Un 40% máis de dividendo
O Consello de Administración de Repsol YPF acordou o pasado 31 de outubro a repartición dun dividendo bruto de 0,50 euros por acción a conta do exercicio 2007, pagadoiro en xaneiro de 2008. Iso supón un incremento do 40% con respecto ao repartido a conta o exercicio anterior, que foi de 0,36 euros por acción, e está en liña cos principios xerais do Plan Estratéxico 2005-2009, que contemplaba un "pay out" situado nunha banda do 40 ao 50%.
Gassi Touil
O pasado 3 de setembro de 2007, Repsol YPF fixo público que a empresa Sonatrach decidiu resolver o contrato relativo ao Proxecto Integrado Gassi Touil, do que Repsol YPF e Gas Natural SDG resultaran adxudicatarias en 2004 nun concurso internacional. Ambas as dúas compañías lamentan e rexeitan a decisión alxeriana de apropiarse agora e de forma ilexítima do Proxecto e farán valer os seus dereitos no procedemento arbitral internacional que, conforme ao contrato, decidirá sobre a validez da pretendida resolución e sobre os danos e prexuízos causados.
Acordo para a "Class Action"
O pasado 29 de agosto Repsol YPF comunicou o acordo alcanzado coa parte demandante en Estados Unidos da "Class Action" relativa á revisión das reservas anunciada o 26 de xaneiro de 2006, por un importe de oito millóns de dólares e que exime á compañía de calquera responsabilidade. Este acordo foi aprobado preliminarmente polo Xulgado do Distrito Sur de Nova York.
Líderes en transparencia, dimensión social e cambio climático
Por segundo ano consecutivo, Repsol YPF mantense nos selectivos índices de sostibilidade global Dow Jones Sustainability World e no europeo Dow Jones Sustainability STOXX, conserva a máxima puntuación do ano anterior en transparencia e desenvolvemento de capital humano e obtén unha nova máxima cualificación en impacto social nas comunidades. A puntuación total da compañía é "best in class" do sector na dimensión social e na dimensión económica consegue a puntuación máis alta do sector petróleo en relacións con clientes.
Tamén foi incluída de novo no Climate Disclosure Leadership Index (CDLI) coa mellor puntuación do sector polo seu enfoque e pola súa xestión ante o cambio climático. O CDLI forma parte do informe elaborado polo Carbon Disclosure Project (CDP), unha plataforma de máis de 315 investidores que representan máis de 41 billóns de dólares en activos.
Por outro lado, o presidente de Repsol YPF, Antonio Brufau, recibiu o pasado 16 de outubro o "Premio AEMEC á Transparencia", concedido pola Asociación Española de Accionistas Minoritarios (AEMEC), e que valora o labor realizado en materia de transparencia e nas súas relacións cos distintos grupos de interese, en particular cos accionistas minoritarios. Considerouse especialmente o esforzo de Repsol YPF pola transparencia na xestión do seu web corporativo, cuxo número de visitas e de páxinas visitadas, oito millóns e cen millóns, respectivamente, aválano como un dos máis visitados do IBEX-35.
Ver anexo (PDF 134 Kb)
Última actualización: 8 nov 2007
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.